Concello de ARNOIA

Vila Termal Escudo do Concello de Arnoia

sábado, 18 de novembro de 2017

.: Santa Rita

Historia sobre a devoción a Santa Rita en ArnoiaSanta Rita

Ten a festividade de Santa Rita, dentro da parroquia de Arnoia, unha orixe especial que merece ser reseñado como nota singular polo arraigo que a súa devoción adquiriu nesta localidade no transcurso de poucos anos.

No ano 1930 un singular empresario local (con panadaría, pastelaría, fábrica de caramelos, fábrica de licores, almacén de coloniais, tenda, etc., ), natural de pobo de Ramiras na parroquia de Macendo – Castrelo de Miño, chamado Benigno González Cacheiro, casado coa veciña de Sendin, Antonia Saborido Pivida, que empezou a súa actividade empresarial empeñando as alianzas da voda, e dirixíase nun carromato a Ribadavia cruzando a "barca" e a altura da "casa do Pescadas", onde hoxe está a estación de servizo "Arnoia" volcou e foi arrolado polo carromato sufrindo un gravísimo accidente que o tivo entre a vida e a morte hospitalizado en Santiago de Compostela. Diante da gravidade do accidente e despois de múltiples operacións considerouse curado grazas á intercesión de Santa Rita a que se encomendou con suma fé e feito o voto de introducir a súa imaxe e festa na parroquia de Arnoia, coa autorización do párroco don Emilio Cid Nóvoa; incluso prometera facer unha capela no lugar do accidente. Na mesma cidade de Santiago fixo o encargo da imaxe da Santa (exactamente coa mesma altura que tiña él) e inicia pola súa conta a celebración da Santa Rita invitando aos romeiros cada 22 de Maio na súa casa de San Amaro.A Capela de San Amaro acolle á Santa nos primeiros anos e cando a festa vai adquirindo relevancia en toda a bisbarra e incluso coa asistencia de devotos de A Cañiza, Celanova e incluso dos pobos portugueses fronteirizos. As autoridades eclesiásticas non consideran convinte a construcción dunha capela no lugar do accidente e acordan levar a imaxe á Igrexa Parroquial, pasando a ser unha festa parroquial sostida polas aportacións dos veciños e devotos, tal como actualmente se celebra. O "Cacheiro" introductor desta celebración na Arnoia finou no ano 1973 e a súa familia devota da Santa e cada ano celebran unha xuntanza de confraternidade coincidindo co fin de semana anterior ao 22 de Maio.

Desde hai máis de 30 anos a Santa Rita é considerada a patroa de Arnoia e foi declarada festa local polo concello.

Os nove días anteriores ao 22 de Maio, festividade da Santa, "avogada das causas imposibles", celébrase unha novena na igrexa parroquial con asistencia de numerosos fieis tanto de Arnoia como dos pobos veciños, no día as misas teñen lugar dende as 8 da mañá ata as 13 horas na que se celebra a procesión previa a misa solemne e concelebrada por varios sacerdotes da bisbarra.

 

Lugar de celebración e actividades habituais

Procesión na festividade de Santa RitaNos primeiros anos venerábase na capela de San Amaro. Coincidindo co traslado da imaxe á igrexa parroquial a festa celébrase no lugar de Outeiro Cruz, como quedaba pequeno, despois pasou ao campo de fútbol, coa celebración de 2/3 días con orquestras pola tarde/noite e banda o 22 de Maio pola mañá. No ano 1981 os festexos volven ao pobo de Outeiro Cruz, ao carón da igrexa parroquial con folión de fogo voador na véspera, orquestras os dous días dos festexos e mantendo o concerto e a celebración da misa solemne do mediodía do día 22 acompañados dunha banda de música.

Procesión na festividade de Santa RitaNo día principal da festa acuden rosquilleiras, atraccións e actividades para os mais cativos e tamén veciños de Arnoia que poñen postos de venda de plantas de pementos, tomates e cebolas, de merecido prestixio na bisbarra. Tampouco falta a pulpeira.

Os actos relixiosos consisten na celebración da novena na honra da Santa á noitiña os nove días anteriores ao 22 de Maio e celebración de misas dende as 8 da mañá ata a celebración da procesión e misa solemne ás 13 horas. Tamén pola tarde celébrase algunha misa.

  

Documentos de interese

 Video festa de Santa Rita 2006

Documento AVI, 100MB

Otero Cruz, 12 - 32417 Arnoia - Ourense

Tel.: 988 48 69 00 - Fax: 988 48 69 01

info@arnoia.es