San Amaro

Inicio / Turismo / Patrimonio / Festas / San Amaro

Festa en honor a San Amaro

Lugar de celebración e actividades habituais

A festividade de San Amaro celébrase na capela que dende o século XV existe no pobo ao que dá nome o día 15 de Xaneiro. O “Sanamariño” ten lugar o día 16. Tamén o Martes de Pascua celébrase o Sanamaro da Pascua.

Fai anos nestas datas as orquestras facían o baile da verbena en lugares pechados (na fábrica das gaseosas, na do Fidalgo, e no bar do Ferreiro). Fai moitos anos tamén existiu unha curiosa diversión que consistía no “xogo das noces” (arroxaban noces a un punto determinado con apostas entre os participantes e os curiosos espectadores; nunha época na que eran centos e centos os romeiros que acudían á celebración do patrono “avogado da reuma”). Dende hai uns 25 ou 30 anos as orquestras actúan no turreiro de Sanamaro.

Como en calquera romaría non poden faltar os fogos, as rosquilleiras e a pulpeira.

Os actos relixiosos comenzan coa procesión da Virxen dende a Igrexa Parroquial que ven ao “encontro” co Sanamaro ata a súa capela; dende a capela segue a procesión ata o cruceiro do “turreiro” para rematar coa misa solemne no atrio da capela, coa presencia de moitos veciños de todos os pobos de Arnoia e concellos limítrofes.