Santa Rita
Festa en honor a Santa Rita
Historia sobre a devoción a Santa Rita en Arnoia
Ten a festividade de Santa Rita, dentro da parroquia de Arnoia, unha orixe especial que merece ser reseñado como nota singular polo arraigo que a súa devoción adquiriu nesta localidade no transcurso de poucos anos.
Desde hai máis de 30 anos a Santa Rita é considerada a patroa de Arnoia e foi declarada festa local polo concello.
Os nove días anteriores ao 22 de Maio, festividade da Santa, “avogada das causas imposibles”, celébrase unha novena na igrexa parroquial con asistencia de numerosos fieis tanto de Arnoia como dos pobos veciños, no día as misas teñen lugar dende as 8 da mañá ata as 13 horas na que se celebra a procesión previa a misa solemne e concelebrada por varios sacerdotes da bisbarra.
Lugar de celebración e actividades habituais
Nos primeiros anos venerábase na capela de San Amaro. Coincidindo co traslado da imaxe á igrexa parroquial a festa celébrase no lugar de Outeiro Cruz, como quedaba pequeno, despois pasou ao campo de fútbol, coa celebración de 2/3 días con orquestras pola tarde/noite e banda o 22 de Maio pola mañá. No ano 1981 os festexos volven ao pobo de Outeiro Cruz, ao carón da igrexa parroquial con folión de fogo voador na véspera, orquestras os dous días dos festexos e mantendo o concerto e a celebración da misa solemne do mediodía do día 22 acompañados dunha banda de música.
Procesión na festividade de Santa RitaNo día principal da festa acuden rosquilleiras, atraccións e actividades para os mais cativos e tamén veciños de Arnoia que poñen postos de venda de plantas de pementos, tomates e cebolas, de merecido prestixio na bisbarra. Tampouco falta a pulpeira.
Os actos relixiosos consisten na celebración da novena na honra da Santa á noitiña os nove días anteriores ao 22 de Maio e celebración de misas dende as 8 da mañá ata a celebración da procesión e misa solemne ás 13 horas. Tamén pola tarde celébrase algunha misa.