Monumentos

Monumentos

Nunha superficie tan limitada resulta lóxico que non exista un patrimonio construido numeroso, o cal non supón que non sexa singular, ou, se se quere, pecu­liar.

Arquitectura relixiosa

Das construccións relixiosas destacaremos a igrexa parroquial de San Salvador, fundada no ano 1612, data que aparece grabada na fachada. O seu retablo, de construcción popular, é obra dun carpinteiro local. Destaca na igrexa unha fermosa ventá románica, ao parecer procedente da capela que existía anterior­mente no mesmo lugar. No interior dóus escudos de armas, un del dun familiar da Inquisición.

Nas proximidades atópase a casa rectoral, antigo Priorato que dependía do mosterio de Celanova; ostenta as armas da abadía fundada por San Rosendo: a cruz,o compás e o espello.

Continuando coa arquitectura relixiosa, conta o municipio con diversas capelas de distintas datacións, así temos: San Roque, ou San Vicente, século XVIII, Nª Sª da Asunción en Lapela; San Antonio en Remuiño; San Amaro no pobo do mesmo nome, séculos XII e XV, con bóveda de pedra no presbiterio de estilo románico. Neste mesmo lugar especúlase coa existencia dun antigo convento, e finalmente San Miguel, capela popular nun fermoso entorno poblado de vexetación na que abundan añosos carballos. Celébrase unha romería que convoca xentes de catro parroquias a primeiros de Maio.

Arquitectura popular

Tamén están presentes os cruceiros e petos de áni­mas. Dos primeiros existen exemplares no atrio de San Salvador; en Pumar, popular século XVIII e en San Roque, século XIX. Polo que se refiere aos petos de ánimas son de citar os de Porqueira, San Amaro e Reza. Todos eles de construcción popular.

Antes de pasar á descripción da arquitectura civil convén facer referencia aos xacementos, lugares e achadegos pertencentes a etapas históricas antigas. De época castrexa podemos citar os enclaves denominados “A Cibdade” en Carnós e “O Castro” en Lapela, ainda que da observación visual dedúcese que unha pros­pección adecuada podería aumentar a cifra de asenta­mentos. En Sendín acháronse dúas aras romanas, posi­blemente do século II; son votivas e adicadas, unha a Xúpiter e a outra o Sol. Existiu unha terceira, anepígra­fa, desbastada en dúas das súas caras, a cal serviu de peto dedicado a San Amaro. As dúas primeiras deposi­taronse no Museo de Artes e Costumes Populares do Ribeiro, en Ribadavia.

No apartado de arquitectura histórica civil existen edi­ficios notables como a Casa do Inquisidor en Remuiño, a cal ostenta un escudo coas armas da Inquisición, a casa dos Valdés en Outeiro Cruz, con escudo heráldico dos Armada, Araújo, Losada e da Inquisición; a casa dos Uxía en Quinteiros, con dous escudos; en Lapela casa de “A Señora”, tamén con dous escudos, ostentando o primeiro as armas dos Sarmiento, Armada, Araújo e Feijóo; no segundo os roeles dos Castro, e finalmente a casa de O Rial, séculos XVIII-XIX.

Mención aparte merece a airosa torre do reloxo empla­zada en San Roque. É obra do século XX, e foi doada ao pobo pola “Sociedad Arnoia” de residentes no Uruguai no ano 1940.

Completan esta relación algún pombar, construccións rurais típicas, e algunha que otra fonte.

 
Scroll ao inicio