A Deputación de Ourense, en colaboración coa Estación de Montaña Manzaneda, lanzou o programa EsquiOU 2026, e desde o Concello queremos animar a todos os nenos e nenas do noso municipio a participar nesta aventura. O programa EsquiOU ofrece unha experiencia completa para iniciarse no esquí e desfrutar da montaña durante o inverno.
Que é EsquiOU 2026?
Trátase dunha estadía de tres días e dúas noites (de luns a mércores) na Estación de Montaña Manzaneda, que inclúe absolutamente todo para que os participantes só teñan que preocuparse de desfrutar.
O que inclúe a estancia (Por só 30 €):
O custo para cada participante é de tan só 30,00 €, xa que o resto do importe está subvencionado pola Deputación Provincial de Ourense.
- Aloxamento e Pensión Alimenticia completa.
- Curso de iniciación ao esquí con monitores da Escola de Esquí.
- Material deportivo (esquís, botas, casco, etc.) e Forfait (remontes do día).
- Transporte e monitores acompañantes.
- Uso da Piscina Cuberta Climatizada.
- Seguro de viaxe e accidentes.
Quen pode participar?
O programa está dirixido a nenos e nenas da provincia de Ourense nados desde o 1 de xaneiro de 2014 ata o 31 de decembro de 2017.
Datas Importantes (Quenda por Comarca)
Os participantes repártense por proximidade xeográfica para facilitar a convivencia. Os nenos e nenas de Arnoia pertencen á comarca O Ribeiro-O Carballiño, polo que a quenda asignada é do 9 ao 11 de marzo. Se non se cubrisen todas as prazas ou houbese demanda en espera doutras comarcas, as prazas reasignaranse por rigorosa orde de inscrición.
Como formalizar a inscrición?
A selección das 1.050 prazas totais é por orde estrita de entrada do formulario, polo que vos aconsellamos facelo canto antes!
- A inscrición debe realizarse estrictamente a través do formulario electrónico.
- É necesario adxuntar fotocopia do DNI do participante e a Tarxeta da Seguridade Social.
PRAZO MÁXIMO DE INSCRICIÓN: Luns, 29 de decembro de 2025, ás 12:00 horas.
Para calquera consulta adicional sobre o programa, podedes contactar directamente coa Estación de Montaña Manzaneda (988 30 90 90 ou manzaneda@manzaneda.com).



