Un ano máis celebrouse en Expourense Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico no que o Concello de Arnoia ven participando dende a súa primeira edición en 1999.
Nesta edición incluíronse importantes novidades como a entrada gratuíta ou unha zona de tapas que se sumou a un extenso programa con 140 actividades.
A inauguración tivo lugar o xoves 2 de novembro cunha ampla representación de autoridades encabezada polos presidentes da Xunta, Alfonso Rueda e da Deputación de Ourense, Luis Menor.
O domingo día 5 estivo adicado ao Concello de Arnoia e, como non podía ser doutro xeito, os grandes protagonistas foron os nosos pementos xunto co viño do Ribeiro.
O acto de clausura estivo presidido polo conselleiro de Sanidade, Julio Comesaña, que destacou os beneficios para a saúde da dieta atlántica baseada nos produtos de calidade de Galicia.
En total o Salón rexistrou 17.000 visitas, 1.000 máis que o ano pasado malia durar un día menos. Todo un éxito para para este evento que promociona internacionalmente a calidade da gastronomía galega.